Moi boa tarde !!!!
Hoxe estivemos todas e todos xuntos para falar do libro deste mes:
"AS MEIGAS DE LUPA" de MARÍA SOLAR.
Seguimos co noso itinerario histórico para pararnos neste momento na época castrexa.
Este libro, temporalmente, está ambientado en dúas épocas afastadas no tempo e que se van alternando de capítulo en capítulo : unha está ambientada na Galiza do século primeiro, unha segunda na Galiza actual,. Dous momentos, dúas historias que se entrelazan e que unha dá sentido á anterior.
No século primeiro fálase da Raíña Lupa, dos seus familiares, do Pico Sacro, da vida nos castros e de como todo cambia coa chegada duns estranxeiros que viñan co corpo do Apóstolo Santiago dende Palestina. Ista situación dá lugar á lenda do Apóstolo e o motivo polo que, aparentemente, estaba soterrado nun lugar concreto.
A seguinte narración xa nos centra na zona de Santiago, na casa da avoa Berta en Santa Cruz de Ribadulla, coas vacacións anuais desta cos seus netos e neta. Do que sucede ese ano en concreto cunha reunión de vellas amigas e o congreso que elas van preparar para o resto de meigas. De como se poden torcer os plans cando se perde unha chave e de como, as situacións máis complicadas, poden ter arranxo despois de desvelar un segredo milenario que foi gardado xeración tras xeración.
Unha mestura de novela histórica, de misterio e de moitas, moitísimas aventuras.
Hai que dicir que foi un libro que gustou moito en xeral, aínda que tiña unha única pega : non había ilustracións!, así que decidimos facer un resumo da lectura e ilustralo nós, así, sen anestesia😂😂😂😂.
Aínda estamos traballando nel, pero, dende logo, non podemos dicir que non puxeran ilusións e gañas á hora de facelo :
O resultado final é unha marabilla, 😉


Ningún comentario:
Publicar un comentario