luns, 2 de marzo de 2026

 Moi boa tarde miñas queridas lectoras e lectores. Hoxe estivemos a construir un edificio cunha arquitectura contemporanea especial para falar dun libro absolutamente precioso e que nos deixou unha profunda pegada. 


     Milú e o edificio das persoas extraordinarias escrito por ABEL TOMÉ 

 e ilustrado de xeito acertadísimo por LAURA ROMERO.

    A protagonista é Milú que vive coa súa nai na cidade de Parisia, no edificio Les Marginaux, onde todos as nenas e nenos que o habitan posúen un don que os fai extraordinarios. O don de Milú é construír soños, casi nada. Coa escusa de que o edificio está estartelado, as autoridades mandan un aviso para que se desaloxen as vivendas canto antes. Pero Milú e as súas amigas e amigos teñen un plan para tentar evitar que os expulsen dos seus fogares. 

    Como vedes o tema é de rabiosa actualidade e o alumnado viuno dende o principio de xeito claro cun debate moi interesante tratando temas como a intolerancia aos migrantes que estamos a vivir hoxe en día preto de nós.

    É un libro onde a  tenrura, a audacia, o humor... convirten algo que parecía non ter solución en esperanza afrontando a tráxica realidade que padecen a diario multitude de persoas, vítimas das grandes desigualdades do mundo e que forma o eixo da trama do libro.

   Despois de facer un estudo deses dons extraordinarios no libro, nós tamén sacamos os nosos facendo un cartel estupendísimo das nosas e nosos compoñentes do club de lectura do cole

   Un placer traballar con este grupo sempre. 
Aquí vos deixo ata a próxima xuntanza con outro estupendo libro cheo de xogo e lectura, aventura e un montón de novos retos. Non digo máis...🙊
Todo o meu cariño💗 


Ningún comentario:

Publicar un comentario