DÍA DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL 2024

Bo día!😊

Onte, día 2 de abril, foi :

o Día Internacional do libro Infantil e Xuvenil !!!.

Por ista razón ensinámosvos os libros, que mercamos, con moita ilusión, como agasallo para a biblioteca e que iremos lendo coas nenas e nenos este mes. Esperamos que vós gusten moito💗.

E non nos esquecemos de felicitar a todxs xs lectorxs,  escritorxs, ilustradorxs... a todxs os que fan posible que  podamos soñar, imaxinar, ilusionarnos... e podamos aprender e valorar os traballos feitos por todas e todos vos. 

👏👏👏PARABÉNS!!! 👏👏👏

 

"IRENE A PORTEIRA"

MOI BOA TARDE! 

Nesta xuntanza e moi acorde coa temática do Día da Muller no cole no que rendemos unha homenaxe, moi ben merecida, á nosa selección feminina de fútbol (equipo que tivo que loitar moito para chegar a onde está, non só no campo de xogo, tamén a nivel social, laboral... con todo o que iso significa, gañando o noso respecto amais dos nosos 👏👏👏👏👏), nós limos o texto de banda deseñada:

"Irene a Porteira"  de Xulia Pisón e Xaime Posada.

  Un libro que trata da valente figura de Irene González Basanta (1909- 1928), primeira muller xogadora de fútbol nos primeiros anos do século XX, e que estabamos desexando ler (de feito os que non son do club interesáronse moito polo libro👏👏😊). Foi unha xogadora que participou en grupos modestos da Coruña xogando sempre con homes, xa que a liga feminina non existía nese momento. Os cronistas apuntan que era moi boa porteira e a encargada de lanzar todos os penaltis do equipo, magoa que nos deixara tan pronto aínda que na nosa memoria estará por sempre.

 E,  deste xeito, tamén celebramos este mes o día do CÓMIC, un tipo de lectura que aos nosas lectoras e lectores gustan de ler moitíiiiisimo e que nós, dende o club de lectura, sempre potenciamos para poñer en valor este xeito de escrita que tanto nos aporta.

A sorpresa foi para elas e eles, sobre todo, saber que existira de verdade!. Non imaxinaban que, nesa época, houbera unha muller que pelexara polo seu deporte favorito dese xeito. Agora admírana tanto como podemos facer o que sabiamos dela. Iso e algo que o Club de Lectura aporta a todas e todos por igual. XENIAL!!!!!!!!

E aí os tedes, posando coas camisetas das nosas heroínas non so este mes, no noso día a día tamén nos serven de guía á hora de loitar polas metas que nos propoñemos. así que un 

 VIVA POR ELAS !!!! 

 VIVAAAAAAAAA👏👏👏👏👏👏


E, ao final da xuntanza, presentándolles o noso próximo libro: "PIPI MEDIASLONGAS", da escritora INGRID LINDGREN, despedimos este trimestre ata a próxima xuntanza a finais de abril.

Pasade moi boas vacación e... 

vémonos á volta😉


KNOLLING LITERARIO

Bo día a todas e todos!!

Hoxe imos presentar unha actividade relacionada co libro que vós imos propoñer a próxima semana e que leva por nome:

KNOLLING LITERARIO

👀 Ha ha! Seguro que xa tedes unha miguiña de intriga 👀.

Coido que pode ser un exercicio moi interesante para vos e que pode inspirarvos moitíiiiiiiiiiisimo (Co argalleiros que sodes, estou segura que podédeslle sacar un montón de posibilidades 😉).

Aínda non vou dicir o libro, esa será unha sorpresa para o día da xuntanza, pero si que faredes esta actividade en grupo, despois de ter comentado as diferentes impresións que vos causou.

Avanzo este vídeo para explicarvos un pouquiño en que consiste e que sempre o teñades na mente para que faga de guía na vosa lectura.

 
O día 21 deste mes, xa vos falarei polo miúdo desta actividade, pero tiña que adiantala un pouquiño para avisarvos que hai que ir reunindo, a partires do xoves, diferentes pezas inspiradas na lectura e que logo elixiredes entre todas e todos para conseguir unha boa composición.

A que ten boa pinta?. Estou segura de que gustaredes dela un montón.

Sin máis, xa vos deixo. Ata a próxima.

Abur.👋


 

CONSTRUÍNDO LEMBRANZAS.

 

Moi boa tarde! 

Hoxe quero falaros da actividade deste mes, actividade moi interesante  que compartimos coas persoas maiores que están no Centro de Día de Porto do Son:

 "Construíndo lembranzas".

Esta actividade partiu da lectura do libro: "Botella de lentellas", escrito por Leticia Barbadillo e marabillosamente ilustrado por Xiana Teimoy.

Esta obra fala de como grazas á imaxinación as dificultades, perdas e ausencias poden ser superadas. Empeza coa alusión aos doces tradicionais de Entroido para, pouco a pouco, introducirnos en diferentes temas: relacións de parellas, dificultades no ámbito laboral e económico, vínculos familiares e afectivos, relacións entre pais-nais e fillos ...

A novela ten dúas partes que se van alternando ao longo da obra, por unha banda fala das lembranzas construídas por  Manuel, o protagonista, e o día a día del, da avoa e do seu pai. Unha segunda parte cóntanos diferentes historias onde as lentellas teñen un papel moi importante ou mesmo protagonista.

Engadimos a esta lectura outra, traducida por nós ao galego, e aparentemente sinxela: Lémbraste? (¿Te acuerdas?) de Sydney Smith. Digo aparentemente sixela, xa que aínda que ten pouco texto, está escrita e ilustrada por el mesmo, cunha gran sensibilidade e cariño, invitándoche a  reflexionar sobre a formación das nosas lembranzas, atesourándoas como algo máxico para a creación de redes de recordos que nos acompañarán para sempre.

A lectura destes dous libros fíxonos algo de cóxegas por dentro e ese pequeno desacougo parou cando nos decidimos  a compartila con avoas e avós. Deste xeito, puxémosos en contacto co Centro de Día de Porto do Son e alá fomos, a lerlles o primeiro capítulo do 1º libro e todo o segundo volume do que vos falei.

 Non vos vou contar o nerviosas e nerviosos que estaban todas e todos coa lectura, pero, podo asegurar, que lles saíu de marabilla 💓. De feito, logo estiveron a compartir diferentes lembranzas, contos e ata cancións!. Foi incrible como chegaron a entenderse a pesares da diferenza de idade, pero coa que trabaron amizade nun momentiño, Ah!  e o contentos que saíron de dita experiencia, que xa lles tardaba en volver de novo 😂😂.

 
Dende aquí teño que darlle as grazas a todo o persoal que nos atendeu tan ben e, en especial, a NEREA por facilitarnos horarios, días... e que nos fixo sentir como na casa. 

MOITAS, MOITAS GRAZAS!!!

Tamén tivemos tempo de presentar o libro:

"Irene a Porteira"  de Xulia Pisón e Xaime Posada.

 

Deste xeito, non só celebramos o 8M, Día da Muller, tamén celebramos este mes o día da BANDA DESEÑADA.

Feliz lectura !!!!.

Xa vos seguirei contando novas actividades.

 Aburiño e...

ata a próxima! 👋

 

 

 

 

 

 

 

 


OS NOSOS "TAKES" DA XORNADA DE DOBRAXE

Bo día!

Hoxe chegáronnos as dobraxes que fixemos no taller de drobraxe o nove de xaneiro con Damián Alonso, . Estabamos moi impacientes, a verdade 😉.

 Como vedes, estamos feitos uns artistas!!!!!!!👋👋👋👋. 

Nótase un chisquín de nada que estamos aínda a empezar neste mundo, pero seguro que de aquí sairá a próxima ou próximo actriz ou actor de dobraxe, daquela xa haberá para esta categoría un

 GOYA 

  e traerá para o nosa terra tan prezado galardón, abofé que o fará.😊.

Disfrutade coa dobraxe e ata a próxima miñas queridas lectoras e lectores


 

 

"PEGADAS DE BÚFALO"

Bo día  queridas e queridos lectores!!

Onte tivemos a nosa xuntanza do club de lectura na que analizamos o libro de TOMÁS RIVERA "PEGADAS DE BÚFALO",  ilustrado por IAGO TORRES PARÍS

Un libro ambientado no Salvaxe Oeste, onde Sara Parsons é a protagonista da aventura do traslado de toda a familia e, posterior asentamento, no territorio de Montana.

Sara coñecerá o medo, a inxustiza e as falcatruadas dos que burlan a lei. Fará novos amigos e superará un montón de problemas para poder vivir todos xuntos e tranquilos na granxa comprada polos pais para comezar a súa nova vida.

Nel trátanse temas importantes como a amizade, costumes e personaxes dunha época, relacións familiares, coñecementos das costumes de pobos indíxenas, sentimento de pertenza a un  grupo, reparto do traballo na casa, medio ambiente, conservación de especies... Un montón  de temas dos que falamos na reunión e que foron organizados nunha pirámide de importancia dentro dun tipi.

Como se pode ver puxeron moitísimo interese nesta actividade e, despois de discutir en cada grupo cales eran os temas máis importantes, conseguiron organizalos seguindo os seus intereses.


Finalmente, mediante o dialogo, discutiron os diferentes aspectos a obra onde afondaban nos diferentes aspectos suxeridos e aportados polos propios compoñentes do club. Hai que recoñecer que sempre son interesantes os seus puntos de vista e achegas 😉

Non podiamos rematar o tema sen sacar algunha foto de lembranza dentro do noso tipi indio:

 

Antes de despedirnos presentamos o  libro que imos ler esta tempada, unha narración de LETICIA BARBADILLO titulado "A BOTELLA DE LENTELLAS" ilustrado por XIANA TEIMOI.


Será un conto que nos traerá moitas sorpresas e un montón de añoranzas. 

Espero que disfrutedes moitísimo coa súa lectura e agardo a próxima xuntanza con moita ilusión.

Ata a próxima miñas queridas e queridos lectores.

Aburiño.


 

 

 

 

 

TOMÁS RIVERA FALA DE "PEGADAS DE BÚFALO"

Moi boa tarde a todas e todos.!

Hoxe, vou poñendo unha serie de videos de Tomás Rivera para que, na próxima xuntanza do club de lectura que lembrade, é iste mércores, día 31 de xaneiro ás tres, podades escoitar ao autor do noso libro e entender algunhas cuestións  con respecto a este proxecto.

Espero que sexan de interese para a nosa xuntanza.

Ata o mércores miñas queridas e queridos lectores!!


  

  

   


CURSO DE DOBRAXE CON DAMIÁN ALONSO

Moi boa tarde miñas queridas e queridos lectores!!

O alumnado de 5º e 6º E.P. , o día 9 de xaneiro, realizou un obradoiro de dobraxe, grazas á colaboración entre o noso club de lectura " Lectores sen Rumbo" e á  biblioteca do centro titulado:

Aprende dobraxe na túa clase 

impartido polo actor de dobraxe e formador Damián Alonso

 

Xa que nas pasadas reunións limos e falamos do libro de Iria Misa: " Unha veciña de película" e propuxemos a lectura do autor Tomás Rivera: "Pegadas de búfalo" (un xénero clásico na sétima arte) , non podiamos pasar a oportunidade de mergullarnos un pouquiño máis neste tema da man de Damián que nos falou, entre moitas cousas máis, dos actores e actrices de dobraxe.

A experiencia foi marabillooooooosa!!. Durante tres horas estivemos aproveitando este obradoiro no que o alumnado destes dous cursos aprendeu diferentes características deste traballo : aspectos técnicos e laborais; a importancia da voz, velocidade, intensidade, ton... ; a postura corporal; aspectos da interpretación...

Na segunda parte fixemos, prácticas de dobraxe!! Fomos nós as actrices e actores dobrando un documental e partes da película "CARS", e non é por nada, pero fixémolo moi, pero que moi ben, que conste 😂😂😂😂. Aí van algunhas fotografías das nosas e nosos compoñentes do club:

 
 
 
 
 
 
 
 
Alba e Nacho tamén se animaron, non podían ser menos😉

Con esta experiencia  puidemos observar o difícil que é este traballo e as e os grandes profesionais que temos en Galicia neste campo, para quitarse o sombreiro.

Como poderedes observar foi un traballo intenso e completo que, grazas a Damián, fíxosenos moi, moi curto e, sobre todo, moi entretido, polo que lle damos as grazas unha e mil veces máis!!!!

Cando nos teña preparadas as gravacións que, con toda a paciencia do mundo fixo, xa as colgaremos no noso blog. Xa veredes como non esaxero nadiña co bo traballo que fixemos😎 (Aínda que con Damián é imposible facelo mal, asegúrovolo ).

Despídome esperando que vós gustara a nosa entrada e experiencia con este obradoiro.

Saúdiños e, boas lecturas! , coma sempre.


( Se queredes ver máis fotografías podedes ir á páxina do Centro onde atoparedes algunha máis

http://www.edu.xunta.gal/centros/ceipxuno/  )

 


 


"UNHA VECIÑA DE PELÍCULA"

Moi boa tarde a todas e todos!!!

Hoxe, día 18 de decembro, fixemos a nosa xuntanza para falar do libro deste mes: " Unha veciña de película" de Iria Mesa con ilustracións de Laura Suárez.

A xuntanza fíxose na biblioteca onde quedamos para comer.

  O ambiente foi estupendo todo o tempo, de feito, nalgún intre, á hora de defender opinións, a emoción xogaba un papel importante , pero aínda así puidemos botar unha risas entre todos.


 
 En xeral foi un título moi ben aceptado entre os nosos compoñentes do club, aínda que  houbo algunha opinión negativa dos nosos lectoras e lectores.

Gustoulles moito a aparte de aventura e os temas principais dos que trata a obra: o cine, a curiosidade, a fantasía, as tecnoloxías, a amizade, as etiquetas que lles poñemos á xente sen coñecela, as familias non normativas... Como vedes saíron moitos temas e, o bonito, foron as diferentes opinións e lecturas que fixeron do que lles pareceu interesante. 

Teño que dar tamén as grazas aos que non lles gustou tanto o libro, os menos, xa que aínda así rematárono para dar a súa opinión e iso pareceume moi interesante xa que a crítica con fundamento sempre é positiva e enriquecedora.

Tamén nos deu tempo para propoñer o título para despois de Nadal:

Como vedes, xa que empezamos con películas tiñamos que escoller unha continuidade cun dos xéneros máis traballados no cinema en todos os tempos: as películas do SALVAXE OESTE. Un título de Tomás Rivera que promete unha aventura moi divertida na que intercalan información sobre o que estamos a ler.


Espero que vós guste moito e lembrade que temos unha sorpresiña para despois das festas😊

Pasade unhas vacacións de Nadal estupendas, gozade moito das diferentes lecturas

e

Que non se vos esqueza incluír algún agasallo en forma de libro nas vosas casas.

BO NADAL A TODAS E TODOS

💝

 



CELEBRACIÓN DO NADAL CO NOSO APALPADOR




Moi boa tarde!

Hoxe, entrando xa no Nadal, o club de lectura, deixou na biblioteca do noso centro un agasallo en forma de lectura para todas as nenas e nenos do cole. Tiñamos que coñecer, sobre todo as máis pequeniñas e pequeniños, ao APALPADOR, isa figura tan mítica e querida dentro da cultura popular galega oriental. 

A verdade é que foi todo un éxito e, nun intre, quedamos sen libros na nosa exposición. Estaban desexando ler algo del e coñecelo de primeiriña man polo que estamos moi contentas e contentos coa acollida que tivo a nosa personaxe preferida  destas festas. Seguro que en calquera momento poderán gozar de máis aventuras do noso intrépido carboeiro, nós, dende logo, non nos perderemos ningunha das súas andanzas polo misterioso mundo máxico.

Disfrutade moito destas lecturas e... ata a próxima.

Aburiño.🙋

LECTURAS COMPARTIDAS 1 DE DECEMBRO´23

 Moi bo día!!

O pasado venres (1 de decembro), a biblioteca do cole volveu presentar todas as novidades que nos trouxo Candela, a nosa querida "Gharza moi gharzuda". Deixounos un montón de novidades e tamén unha cartiña chea de cariño 😊.

A nosa Paula, nova membro de "Lectores sen Rumbo", foi a encargada  de lerlle a toda a nosa comunidade lectora a misiva que nos mandou esta incansable viaxeira que sempre nos lembra con tanto agarimo e nos manda estes agasallos para poder ter a oportunidade de ler cando queiramos.

A lectura foi moi ben realizada por Paula, aínda que os nervios estaban a xeito tamén, coma sempre, porque aínda que parece moi doado poñerse diante de todo o alumnado a ler, non che é tan doado como parece e, se cadra, que llo pregunten ás lectoras e lectores do noso club deste curso, xa veredes que vos din, veredes, veredes.

Déixovos unhas de fotografías para que poidades recordar este momento.

                👏👏                    👏👏

                                  👏                       👏👏👏

                                     👏👏👏

         👏👏                   

                                      👏👏👏

👏👏

                      👏👏

                                                     👏👏

              👏

Parabéns Paula, deixaches o nivel  moi, pero que moi alto, fixéchelo moi ben e todas as compañeiras e compañeiros do club están moi orgullosas de ti. 

Moitísimas grazas por esta lectura pública para todas e todos nós.

E , sen máis, desexándovos moi boas lecturas , Ata a próxima!!! 


DÍA DO LIBRO INFANTIL E XUVENIL 2024

Bo día! 😊 Onte, día 2 de abril , foi : o Día Internacional do libro Infantil e Xuvenil !!!. Por ista razón ensinámosvos os libros, que merc...